Recomendacións

Se tes pensado viaxar a Canadá, unha das primeiras cousas que tes que facer é realizar unha solicitude ESTA (Electronic System of TravelAuthorization), a confirmación non adoita tardar máis de 24 horas e o seu prezo é de 7 dólares canadenses. Esta autorización ten unha duración de dous anos para visitar o país como turista.

Canadá é un país que ofrece actividades para o/a visitante en todas as estacións, pero se vas nos meses de frío, non poden faltar unhas boas botas de neve e un abrigo que aguante ben as baixas temperaturas. Dentro dos lugares de ocio, fogares, buses, etc. sempre hai unha sensación agradable, pero as mínimas na rúa poden chegar ata os -40ºC!

Os aparellos eléctricos poden supoñer un problema, a corrente eléctrica en Canadá é de 110 voltios, polo que secadores ou pranchas corren o risco de avariarse ou non funcionar, a non ser que usemos un transformador. Os teléfonos e portátiles pódense cargar perfectamente, só teremos que ter en conta que necesitaremos un adaptador para o enchufe, xa que neste país as pezas son planas, non redondas como as nosas.

Se temos pensado usar a nosa tarxeta de móbil, isto pode saír moi caro en chamadas, mensaxes ou uso de datos. Quizais pode ser recomendable mercar alí unha tarxeta. Unha cousa moi positiva é que hai redes WIFI públicas dispoñibles en moitos lugares, polo que no meu caso, non necesitei dunha tarxeta local.

Outra das cousas que hai que ter en conta é que, ademais das típicas restricións ás que estamos acostumados en canto á equipaxe á hora de realizar unha viaxe en avión, hai certos produtos que non se poden levar a este país norteamericano, nin sequera na equipaxe facturada, por tanto é importante revisar ben as posibles restricións no momento de facer a maleta. Durante o voo teremos que cubrir un cuestionario no que declarar o que levamos. Quen imaxinaría ter que declarar que levas queixo na maleta que vai na bodega?

Outro aspecto importante é a contratación dun seguro de viaxe. A atención hospitalaria non é gratuíta para os/as estranxeiros/as e é mellor estar cubertos/as no caso de que ocorra algo durante a nosa estancia. Na experiencia PIALE este aspecto non supuxo ningún problema, ademais de porque non o necesitei, porque a axencia organizadora se ocupou deste tema.

Algo importante a ter en conta é que neste país as propinas en restaurantes, cafeterías, etc. son obrigatorias. Normalmente non van incluídas no tícket, pero adoita engadirse entre un 10% e un 15%  do total da conta. Tamén hai que estar atentos/as nos supermercados e tendas, os prezos que se amosan son sen taxas e estas son incluídas ao pasar por caixa, se non sabemos este pequeno detalle podemos levar unha sorpresa á hora de ir a pagar.

Ademais de todos isto, coma con calquera outra experiencia, hai que ir cunha mente aberta e disposta a aprender cousas novas. Sen dúbida, hai aspectos diferentes noutros lugares (rutinas, horarios…) que non son nin mellores nin peores que ao que estamos acostumados. É importante ter isto en conta e gozar de todo o que ofrece unha viaxe coma esta.

Criado com o Mozello - o construtor de site mais fácil de usar do mundo.

 .