A miña experiencia educativa

Pouco antes da miña saída cara Canadá comunicóuseme o centro que visitaría diariamente durante a miña estancia (a cada profesor/a do programa asignóuselle un diferente no que se imparten materias semellantes ás nosas en Galicia). O meu foi o OttawaTechnical High School, no número 440 da céntrica Albert Street, que agora se dedica principalmente a clases de ESL (inglés como segunda lingua) para adultos recentemente chegados ao país ou que xa levan un tempo pero aínda non teñen un dominio suficiente do idioma. Dende niveis de alfabetización (para persoas que non tiveron acceso á escola no seu país de orixe) ata avanzado; o alumnado é distribuído en grupos segundo a súa competencia lingüística e vai sendo promocionado aos seguintes niveis segundo as melloras que vaia acadando nas diferentes destrezas (escoita, fala, lectura e escritura). A maioría das clases son de inglés xeral, pero tamén teñen horas dedicadas á pronunciación, inglés académico (pensado para aquelas persoas interesadas en continuar os seus estudos en Canadá) ou preparación do exame para obter a cidadanía canadense. Ademais de recibir formación lingüística, nestas clases apréndese sobre a vida e cultura canadense, saúde, normas da provincia de Ontario, etc. Estes programas son gratis, o alumnado só aporta 10 dólares canadenses en concepto de materiais ao principio do curso.

Cando se rematan estas clases, non se obtén ningún título, pero todo o alumnado amosa gran motivación, xa que necesitan o inglés para desenvolverse no país e, ademais, reciben interesantes charlas e visitas moi a miúdo, por exemplo de centros educativos nos que poden proseguir os seus estudos ou organizacións que axudan na busca de emprego, temas dos que tamén se trata na aula.

As clases duran tres horas e todos/as asisten de luns a venres, en horario de mañá (09:00-12:00) ou de tarde (12:30-15:30). O profesorado ten media hora, de 12:00 a 12:30, para o lunch, sempre se xuntan na sala de profesores coa súa comida para compartir ese tempo, son un equipo moi unido e harmónico.

O centro está dotado de aulas con ordenador e proxector, aulas de informática, ascensores, cafetería, servizo de gardería gratuíto para fillos/as de alumnos/as, ximnasio, biblioteca, sala de profesorado e de material. Un aspecto curioso deste centro é que é scent-free (libre de olores), recoméndaselle a todas as persoas que  acceden ao edificio que se absteñan de utilizar locións, perfumes, etc. xa que hai quen pode ter alerxias a este tipo de produtos. Os armarios, que se atopan distribuídos por todos os corredores, cobran especial importancia na época de frío e neve, xa que o primeiro que necesitabamos facer nada máis chegar era deixar o abrigo, a bufanda, o gorro, os guantes… e incluso as botas ou os pantalóns de neve; desta maneira podemos estar máis cómodos/as durante a xornada.

Eu estiven maioritariamente nas clases de Donna, profesora que imparte clase diariamente a dous grupos. De 09:00 a 12:00 ten unha clase de alfabetización, na que había dez estudantes de diversas nacionalidades; a maioría deles era a primeira vez que asistían a un centro educativo na súa vida. Hai unha gran labor detrás da formación deste grupo, non só en canto ao inglés, senón en competencias básicas de manexo de ferramentas na aula, formularios diversos, ordenadores, etc.

A outra clase que imparte esta profesora é un grupo de grado 6+ (os niveis de Inglés como lingua estranxeira están organizados por números, o 6 podería ser un equivalente ao noso B2 do CEFRL). Este grupo é máis numeroso, uns 23 alumnos e alumnas tamén de orixe moi diverso asisten diariamente. Aquí atópanse persoas que levan algo máis de tempo no país polo xeral, e algunhas que acaban de chegar pero cuxo nivel de inglés é xa intermedio. Moito deste alumnado ten estudos superiores, pero non pode acceder á súa profesión en Canadá debido a un problema de idioma, tamén hai algúns que desexan seguir estudando (formación profesional ou unha carreira universitaria) unha vez melloren o seu inglés.

Como parte do programa, ofrecinme a dar presentacións de 10 minutos sobre o meu centro en Galicia e sobre España en xeral, tanto nas clases de Donna como nas do resto do profesorado. Todos se apuntaron a que fose á súa aula porque lles parecía unha actividade moi interesante para o alumnado, como así resultou ser. Puiden comprobar en primeira persoa os distintos niveis de Inglés de cada clase, xa que tiven que adaptar a miña presentación para que me puidesen entender, e tamén a gran motivación que teñen para aprender cousas novas. Debido ao interese e ás ganas de saber máis, estas pequenas presentacións de 10 minutos acabaron converténdose en sesións enteiras que remataban coa firme decisión do alumnado de visitar terras galegas algún día.

Durante o meu tempo alí, tiven acceso aos materiais utilizados na aula. Por unha parte teñen libros e cadernos fotocopiables feitos polo departamento de Inmigración da provincia de Ontario, organizados por niveis e tamén por temas a tratar (saúde, convivencia, leis, etc.), desta maneira a través do Inglés como lingua estranxeira axúdase aos inmigrantes a adaptarse  e integrarse no novo país no que se atopan e a facer a súa nova vida un pouco máis sinxela. Ademais, moitas profesoras fan os seus propios materiais, xogos de mesa para repasar, tarxetas para utilizar en actividades de expresión oral, etc. A expresión oral é a principal destreza que se practica na aula, unha actividade moi común que fan varias veces ao longo do ano e a de facer presentacións dun tema determinado, o público son alumnos e alumnas doutras clases de similar nivel, que escoitan e avalían aos/ás seus/súas compañeiros/as.

Na miña opinión, é moi produtivo que as clases de Inglés sexan diarias, xa que esa práctica continua (ademais da inmersión total de estar nun país de fala inglesa) fan que se mellore máis rapidamente. Aquí non hai problemas de motivación, todos ven o inglés como unha ferramenta imprescindible nas súas vidas. Un dos aspectos positivos da gran variedade de orixes do alumnado é que a gran maioría non comparten primeira lingua, polo tanto vense forzados a utilizar o inglés dende o momento no que entran na aula para relacionarse entre eles e, dende logo, para levar a cabo todas as actividades.

En canto á maneira de dar clase, teño que dicir que non atopei grandes diferenzas en relación ao que adoito facer eu nas miñas sesións no meu instituto. A profesora fai moitas actividades colaborativas e utiliza a gamificación moi a miúdo para enganchar ao estudantado durante as longas sesións. Algo que si se fai moito en Canadá e eu non tanto son as presentacións ante outras clases (como comentei anteriormente), é unha idea que me parece moi interesante e que se podería importar. O centrarse na parte oral da lingua tamén é algo que ao meu alumnado lle custa máis e, como observei en Ottawa, pódese fomentar a través do xogo, por exemplo. Outra cousa positiva das clases neste centro é que todo o alumnado ten unha competencia lingüística similar dentro do mesmo grupo, xa que do contrario son cambiados a outros niveis.

Todo o profesorado do centro está moi implicado co alumnado, teñen reunións regulares con eles para falar do seu progreso e dos seus plans de futuro, desta maneira poden ofrecerlles o apoio e os medios dos que dispoñen para axudalos/as a acadar os seus obxectivos. Ademais, téñense en conta as diversas orixes de todas as persoas do centro, sempre establecendo diferenzas e similitudes co sistema canadense e incluíndo aspectos culturais cos que o alumnado se poida sentir identificado. Tamén se tratan a miúdo os problemas que adoitan xurdir do impacto que supón chegar a un novo país e, en moitos casos, estar lonxe das súas familias. O apoio psicolóxico é continuo, realizan talleres e teñen á súa disposición diversos modos de contactar con profesionais no caso de que o necesiten.

Criado com o Mozello - o construtor de site mais fácil de usar do mundo.

 .