A miña experiencia cultural

Durante a miña estancia en Canadá, tiven a oportunidade de asistir a diversas actividades culturais, que sen dúbida contribuíron en grande medida a coñecer máis o país e a ter unha experiencia máis completa. Algunhas delas foron organizadas por parte do programa en Canadá e outras foron iniciativa propia, aproveitando as fins de semana e os momentos de tempo libre.

Ottawa é unha cidade con moitos e moi interesantes museos, recibimos un pase de tres días para poder ir a tres museos, entre os que se atopan o Museo da Guerra, a Galería Nacional ou o Museo de Historia natural, tamén tivemos o pracer de asistir a unha visita guiada polo Museo de Historia. Grazas a isto, puiden descubrir a fauna e flora máis característica do país, a implicación de Canadá en diversos conflitos internacionais, a historia da creación do país ou artistas relevantes; algo que sen dúbida incluirei nas miñas clases ao tratar aspectos culturais de países de fala inglesa.

Á nosa chegada, ofrecéusenos un tour pola cidade de Ottawa; grazas a isto, coñecemos os edificios e sitios máis importantes e a relevancia que teñen. No meu tempo libre puiden realizar unha visita guiada polo parlamento e a torre da paz, na que me explicaron con moito detalle información sobre o edificio e a súa historia, así como da política canadense.

Incluída no noso programa estaba unha visita a un “sugar shack”, lugar onde se elabora o famoso xarope de arce. Grazas a esta experiencia na Sucrerie de la Montagne puidemos coñecer como se realiza este produto tan típico canadense e tivemos acceso a ver as distintas etapas da súa elaboración (mágoa que sexa na primavera cando se elabora e só puidemos acceder ás instalacións). Esta xornada rematou cunha comida típica canadense na que probamos o mencionado manxar, todo acompañado por música tradicional.

Outras actividades organizadas foron a asistencia a unha obra de teatro, unha actividade de escape room e outra de bolos (invento canadense) e, por último, unha visita á embaixada española, na que puidemos coñecer ao embaixador e descubrir con el as experiencias doutros españois no país.

Pola miña conta, nalgúns casos coa miña familia de acollida ou con outros/as profesores/as do programa, tiven a oportunidade de visitar Kingston, unha pequena vila con grandes influencias británicas, de camiño pasamos preto do famoso río San Lorenzo, que sirve de fronteira natural nalgunhas zonas entre Canadá e EE.UU. Outros lugares visitados inclúen Toronto, cunha imperdible visita ás cataratas do Niágara (xa que se atopan a unha distancia dunhas dúas horas), e Montreal. En ambas as dúas grandes cidades puidemos observar o ambiente pre-navideño que xa se respiraba a finais de novembro.

Ao igual que noutros lugares do mundo, o 11 de novembro tivo lugar en Ottawa o Remembrance Day, data especial a deste ano, xa que se conmemoraban os 100 anos do fin da Primeira Guerra Mundial. A pesar do frío, milleiros de persoas se congregaron nas rúas para presenciar os diferentes actos, desfiles e concertos que se produciron nese día.

Para completar a experiencia, asistimos a un partido de hockey sobre xeo, deporte canadense por excelencia. Puidemos observar o animados que son os partidos e o apoio da afección co que conta o equipo local, os Ottawa Senators. Go Sens, Go!

Criado com o Mozello - o construtor de site mais fácil de usar do mundo.

 .